O PP tacha de maltrato ao noroeste de Galicia a previsión de horarios do AVE

1 minutes read
Foto.- PP Coruña.

O presidente provincial do Partido Popular da Coruña, Diego Calvo, criticou duramente as intencións do Goberno Central no que respecta a os horarios do AVE a Galicia e, en concreto, á zona noroeste da provincia coruñesa. Para o dirixente popular, é inadmisible que unha cidade como A Coruña e toda a súa contorna metropolitana, onde viven máis de medio millón de persoas, conte unicamente con tres conexións de alta velocidade coa capital de España, cando “se trata da zona con maior concentración de poboación e que máis achega ao PIB nacional”. Do mesmo xeito falou de Ferrol e a súa contorna, cunha previsión de soamente dúas conexións diarias.

Para o presidente popular, este novo agravio súmase a outras moitas accións previas, como pode ser o peche de empresas debido á aplicación dunha “política de transición enerxética nefasta e hipócrita”, o mantemento dunhas peaxes abusivas na AP-9, os atrasos na transferencia da vía a Galicia ou a intención de aplicar agora tamén cobranzas por circular polas autovías de titularidade estatal, concluíu.