O PP veta no Parlamento Galego a proposta do BNG para investigar as causas do baleirado dos encoros

Cedida.

A deputada do BNG, Noa Presas defendeu crear unha comisión de investigación para a analizar as causas e consecuencias do baleirado dos encoros, proposta que foi vetada polo Partido Popular. A nacionalista preguntou de que “ten medo ou que ten que agochar” o PP para negarse a investigar o acontecido.

Na defensa da iniciativa, responsabilizou ás “empresas eléctricas, Xunta e Estado” de manter, a día de hoxe, a situación bloqueada a pesar da falta de medidas efectivas por parte das autoridades para evitar que o baleirado volva a repetirse no futuro.

Por outra parte, insistiu en que as informacións das eléctricas, á Xunta e o Estado, “son contraditorias e confusas” ademais dunha “responsabilidade compartida”.

A xuízo da deputada do BNG, o Parlamento galego “ten a obriga” de analizar as consecuencias e responsabilidades ao que sumou unha compensación polo dano causado. Neste caso, recalcou Presas, “non é un debate de competencias”, o debate radica en se empregamos o “autogoberno” e os instrumentos a nosa disposición para “velar polos intereses de Galiza”.