O PP obrigado pola Xunta Electoral a retirar un vídeo por incumprir a lei

Un vídeo difundido en redes sociais polos populares explicaba o procedemento para votar por correo e camuflaba críticas á oposición, polo que a Xunta Electoral entende que estaba a facer campaña antes do seu comezo oficial. Esta é a terceira vez que reprenden o Partido Popular dende que se convocaron as próximas eleccións a Xunta o 18 de Febreiro. O PP viuse obrigado a eliminar uns carteis, unhas fotografías e desta vez, uns vídeos nas redes sociais.

A Xunta Electoral de Galicia estimou parcialmente unha denuncia do PSdeG e ordenou ao PP a «retirada inmediata» de redes sociais dun vídeo de captación de voto que, segundo o órgano, pretende «camuflar» como «informativo» a pesar de incluír «frases electoralistas» e supor implicitamente «unha chamada» a apoiar aos populares nas urnas o 18 de febreiro, o que contravén a normativa electoral, pois aínda non se iniciou a campaña. O acordo, con data deste martes e determina que existe unha infracción electoral e ordena que se retiren as publicacións denunciadas que «non se limiten a informar do procedemento para exercer o voto por correo», sen que, unha vez ponderadas as circunstancias que concorren, proceda a incoación de expedientes sancionadores.

A Xunta Electoral considera que «se pretende camuflar como un anuncio informativo e de promoción do dereito ao sufraxio» ao difundir o procedemento de solicitude de voto por correo unha publicación na que se inclúen frases «que teñen un claro carácter electoralista, o que xunto co lema e siglas empregadas polo PP, unido á imaxe da Xunta, facilmente permite asociar visualmente ambos os elementos». Para o órgano electoral, isto dá a entender «implicitamente» que se trata dunha chamada ao voto a favor do PP. Tamén constata que o contido impugnado ten «poder persuasivo», desenvolveuse nas redes sociais e, por tanto, «debe ser integrado dentro da categoría de campaña electoral, e non pode ser considerado actividade ordinaria dun partido».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha