O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo insistiu este mércores no Parlamento galego que “a nosa prioridade é que o presente e o futuro das instalacións de XEAL de Cee-Dumbría pasen polo mantemento da actividade, a mellor maneira de garantir os postos de traballo”.
Lorenzo cargou contra a política enerxética do Goberno de Pedro Sánchez, afirmando que «ten cada vez consecuencias máis graves na economía das familias e na perda de competitividade de empresas e autónomos”, lamentou, para demandarlle que “actúe decididamente para abaratar o custo da electricidade para as empresas e, de paso, tamén para as familias”.
Subliñou que a Xunta e o PPdeG “levan anos comprometidos e defendendo os intereses dos traballadores de XEAL e de toda a industria electrointensiva de Galicia” e lembrou, en concreto, que “foi o Goberno galego en 2017 o que evitou a segregación de actividades de Ferroatlántica”.
“A Xunta defendeu, defende e defenderá a non segregación das actividades de ferroaliaxes e a produción de enerxía, así como a actividade industrial nas plantas de Dumbría e Cee, aplicando a legalidade e velando polo interese público dunha concesión administrativa con plena transparencia para os traballadores, o comité de empresa e, tamén, para os alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados”, indicou.
