O PPdeG afirma que “o Plan de Transporte Público de Galicia funciona ben”

Cedida.

A deputada do Grupo Popular Begoña Freire afirmou no Parlamento galego que “o constante incremento dos usuarios é o mellor expoñente de que o Plan de Transporte Público de Galicia funciona ben”. Porén, lamentou que o Goberno central “estea atentando contra as necesidades de mobilidade dos galegos co seu proxecto de Lei de mobilidade sostible, coa desatención do ferrocarril e co novo mapa dos autobuses intercomunitarios”.

Begoña Freire salientou que “o traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos anos foi inxente e complexo para renovar e modernizar todas as concesións de transporte interurbano, e que permitiu dotar a Galicia dun transporte público por estrada eficaz, competitivo e mellor adaptado ás súas necesidades”.

En concreto, lembrou que se activaron 127 contratos que configuran hoxe a rede autonómica de transporte; se renovaron 3.436 liñas de autobús; se habilitaron 53.000 paradas; se ofreceron cada ano máis de 2,3 millóns de horarios; e se percorreron máis de 57 millóns de quilómetros, movendo, de media, preto de 3 millóns de viaxeiros ao mes. “Todo isto supuxo un incremento da demanda dun 70 por cento, chegando aos 23,2 millóns de viaxes”, dixo.