O PPdeG cualifica os Orzamentos Xerais como unha nova ‘falta de respecto á cultura galega’


O PPdeG asegura que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023 é “unha nova falta de respecto á cultura galega, con retrasos nas poucas iniciativas xa comezadas e sen unha nova proposta cultural para investir nun sector que move o 3% do PIB de Galicia”.

Así o expresaron os populares nunha visita da Comisión de Cultura, presidida polo coordinador desta área, Daniel Chapela, a Mondoñedo, onde, no marco das San Lucas e acompañados do alcalde, Manuel Ángel Otero, e de cargos e militantes do partido, coñeceron a exposición comisariada por José Manuel Valín sobre ‘Fuxan os Ventos’ –grupo que cumpre 50 anos da súa creación–, e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. 

Alí, cuestionaron a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia de Lugo e coa súa cultura: “Mentres o PSOE galego e provincial tentan defender o indefendible, a realidade é que estas contas discriminan o potencial da provincia no eido cultural, un potencial que observamos en concellos ben xestionados coma o de Mondoñedo”. Nese senso, puxeron en valor “o enorme esforzo do equipo de goberno de Elena Candia e de Manuel Ángel Otero, que desde o 2015 desenvolveron propostas culturais de moita relevancia, situando este concello no mapa da cultura galega”.

Na mesma liña, destacaron “o talento dunha música galega sen fronteiras, chea de voces e cada día máis profesionalizada, que é quen de amosar o seu talento mediante a combinación de tradición e modernidade, de universalidade e de esencia do país”. “Cómpre seguir apostando por este sector e incluílo na programación cultural de calquera vila ou cidade, tal e como fai Mondoñedo con propostas como o Merlín Fest, que este ano tivo a persoeiros da nosa música como Davide Salvado”, sinalaron.