O PPdeG esixe que as baixas médicas non exclúan ás mariscadoras de Camariñas das prestacións por cesamento de actividade

4 minutes read
  • O BNG insiste en reclamar á Xunta unha liña de axudas complementaria ás do ISM para as mariscadoras de Camariñas

O PPdeG urxe ao Goberno central a que, a través do Instituto Social da Mariña, habilite unha solución extraordinaria que permita que as mariscadoras de Camariñas que, por permanecer de baixa médica non puideron completar o período mínimo de cotización, accedan tamén ás prestacións por cesamento de actividade e queden exentas de pagar as cotizacións á Seguridade Social, mentres se prolonga a paralización da actividade marisqueira.

A deputada do Grupo Parlamentario Popular e portavoz local de Camariñas, Paula Mouzo, presentou unha proposición non de lei para advertir de que o actual sistema estatal de protección non se adapta ás particularidades do sector, o que provoca unha “dobre penalización” para aquelas traballadoras que estaban de baixa por enfermidade e cuxa resolución sufriu ademais demoras por parte do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS): “Deixouse de cotizar por elas e, como consecuencia, non puideron completar o período mínimo esixido para acceder á prestación. É dicir, quedaron excluídas por unha circunstancia allea á súa vontade”.

“Esta problemática evidencia a fraxilidade de todo o colectivo marisqueiro”, lamentou. Así, Mouzo pediu unha fórmula que evite os períodos de baixa médica penalicen ás mariscadoras á hora de cumprir os requisitos mínimos de cotización necesarios para acceder ás prestacións por cesamento de actividade.

A parlamentaria puxo, así, de manifesto “o desamparo” que sofren as profesionais a pé afectadas pola veda extraordinaria vixente durante todo o ano 2026, decretada pola falta de produtividade dos bancos de bivalvos. Mouzo lembrou que o marisqueo constitúe unha actividade esencial para as comunidades costeiras e, moi especialmente, para centos de mulleres que atopan nel o seu medio de vida.

O BNG insiste en reclamar á Xunta unha liña de axudas complementaria ás do ISM para as mariscadoras de Camariñas

O BNG insiste en reclamar á Xunta de Galiza que poña en marcha todas as medidas necesarias para paliar a crise do marisqueo na ría de Camariñas, e criticou ao PP «pola súa postura oportunista e hipócrita de pedir agora axudas para as mariscadoras que quedaron sen paro, cando no Parlamento galego se opuxeron as iniciativas do deputado Oscar Insua na que se instaba ao Goberno galego a establecer unha liña específica de subvencións para as traballadoras de a pé, que por permanecer moito tempo de baixa, non cumprían o requisito mínimo de cotización para cobrar o paro, namentres que se lle obriga a facer os traballos de rexeneración dos bancos marisqueiros para non perder o PERMEX”».

Desde o BNG de Camariñas salientaron que levan anos solicitando á Xunta que axuden a solucionar a problemática do marisqueo na localidade, con medidas activas e correctivas que non provoquen a desaparición da actividade marisqueira. Neste senso, indicaron que trasladaron a problemática ao Parlamento galego, da man de Oscar Insua, “con numerosas propostas, atopando sempre o NON do Partido Popular, que só sabe tirar a pelota no tellado do goberno central, cando as competencias son exclusivamente de Galiza”.

A formación nacionalista sinalou tamén que as mariscadoras seguen agardando pola exención de cotas á seguridade social en períodos de inactividade por causas de forza maior. «É unha cuestión que debía estar aprobada polo goberno central e que non sabemos a que esperan. O PSOE non cumpriu neste caso coa súa palabra e as consecuencias ímolas volver a ver cando volva a chover no inverno, ou cando remate o cese de actividade en Camariñas o vindeiro mes de xaneiro. É unha vergoña que non o incluíran no Decreto de medidas anticrise”.

A pesar disto, o BNG si logrou en Madrid, “grazas ao traballo do deputado nacionalista Néstor Rego”,  que o goberno do Estado realice un estudo urxente sobre a salinidade, quecemento e perda de biomasa nas augas das rías galegas e os seus efectos no descenso da produtividade nos sectores marisqueiro e pesqueiro, incluída a ría de Camariñas.

O portavoz municipal do BNG, Xurxo Rodríguez manifestou que “o PP non sabe máis que enganar á xente, desenténdese dos problemas e bótalle a culpa sempre aos demais. Xa lle advertimos hai tempo que había mariscadoras en Camariñas que non ían poder cobrar o paro, e negáronse a sacar axudas especificamente para elas, e agora que hai eleccións queren quedar ben con estas notas de prensa que son unha farsa”

O voceiro nacionalista engadiu que “hai tempo que todo o mundo sabe que o Partido Popular non aposta polo marisqueo porque o está a deixar morrer; a situación crítica está á vista de todos e a desidia da Consellería do Mar é patente. Camariñas é só a punta do iceberg”.