O PPdeG esixe que non se exclúa a Galicia dos grandes nodos loxísticos de tren


Os deputados do PPdeG no Congreso solicitaron a comparecencia en Comisión da secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e do presidente da empresa de enxeñería pública Ineco —encargada de elaborar o documento definitivo— para que informen dos criterios polos que o Executivo central decidiu excluír “de forma inxustificada” a Galicia dos grandes nodos loxísticos de tren. Igualmente, piden ao Goberno de Pedro Sánchez que rectifique e inclúa o Corredor Atlántico de Mercadorías na súa planificación para implantar servizos de autoestrada ferroviaria.

O deputado Celso Delgado recordou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no marco do eixo 6 da Estratexia de Mobilidade Segura, Sustentable e Conectada 2030 —denominado Cadeas Loxísticas Intermodais e Intelixentes—, lanzou a iniciativa Mercadorías 30, coa que pretende potenciar o transporte ferroviario de mercadorías. Para iso prevense unha serie de medidas de impacto a curto e medio prazo, cuxa implantación antes de 2030 permita elevar a cota modal deste tipo de transporte ata o 10% e reducir efectos negativos como a contaminación, os accidentes, o ruído ou a conxestión.

“É sorprendente, inxustificado e inexplicable que entre os corredores definidos polo Ministerio como prioritarios para implantar autoestradas ferroviarias quede fóra o Corredor Atlántico, que se estendeu ao noroeste e a Galicia”, manifestou Delgado. “Se estes plans se materializasen, suporían un novo agravio e unha nova exclusión da nosa Comunidade e do norte peninsular da modernización do ferrocarril de mercadorías”, alertou.