O PPdeG pide á oposición que deixen traballar para mellorar a atención primaria


A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, defendeu no Pleno que a Xunta continúe avanzando no cumprimento do fixado no documento Por unha atención primaria vertebradora e desenvolvendo os compromisos aprobados no ditame da Comisión de Reactivación nas cuestións relacionadas coa atención primaria, a saúde mental e o persoal.

“Deixemos traballar aos profesionais, que ninguén máis que eles desexan que estas medidas sigan avanzando para lograr esa atención primaria do século XXI: forte, empoderada e capaz de poñer solucións a todos os problemas que vén arrastrando desde hai décadas”, manifestou.

No debate de sendas proposicións non de lei do BNG e do PSdeG sobre a atención primaria en Galicia, Encarna Amigo lamentou que “continúen co mesmo monotema de sempre, e nós defendendo sempre a realidade, a verdade e o esforzo que día a día se fai desde o Servizo Galego de Saúde para que os galegos sigan gozando da mellor sanidade, cos mellores profesionais, e as mellores infraestruturas e equipamentos nos centros sanitarios”.

“Todos estamos de acordo en que a reforma da atención primaria é necesaria”, recoñeceu a portavoz popular, quen destacou que “o Sergas xa comezou en 2018 a traballar na súa reestruturación”. “É necesaria esta reforma porque había décadas que o modelo non mudara e, a maiores, as características da poboación de Galicia tamén sufriron cambios: cada vez contamos cunha poboación máis envellecida, o que aumenta as patoloxías crónicas, ao tempo que temos que afrontar a dispersión e o despoboamento de determinadas zonas”, engadiu.