A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, visitou este mércores o campamento de verán impulsado polo Concello de Coristanco grazas a unha axuda de 50.000 euros do Goberno galego. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde Juan Carlos García Pose ademais do vicesecretario de Organización do Partido Popular da provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e o deputado autonómico Rubén Lorenzo. Prado puxo en valor o esforzo económico realizado tanto polos seus alcaldes como pola Xunta de Galicia á hora de poñer a disposición das familias galegas medidas que favorezan a conciliación.
Paula Prado enmarcou a realización deste campamento de verán no obxectivo que perseguen tanto o alcalde de Coristanco como o resto de rexedores do PPdeG: “Apostar polas persoas, polo seu benestar e pola mellora da súa calidade de vida”.
Non en balde, reivindicou que Coristanco destaca por ser o concello que máis inviste por habitante de toda a comarca de Bergantiños: “Un nivel de investimento que, a pesar de tratarse dun concello rural, o sitúa á altura de grandes cidades”.
O propio alcalde quixo poñer en valor o “intenso” traballo que se leva feito desde o Concello ao longo dos últimos anos e por iso quixo aproveitar esta visita para “dar conta de todo o traballo feito, acreditar os resultados e compartir os desafíos que quedan por diante de cara ao futuro”.