O prazo para participar no XXII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís pecharase un día despois de que remate o estado de alarma

1 minutes read
  • As persoas interesadas en participar poden enviar as súas fotografías por correo postal ou presentalas no Rexistro Xeral da Casa do Concello con cita previa

A celebración do XXII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís está posposta ata que remate o estado de alarma provocado pola crise sanitaria do COVID-19. Sen embargo, as persoas que queiran participar poden seguir presentando os seus traballos tanto a través do correo postal coma de maneira presencial no Rexistro Xeral da Casa do Concello, para o cal debe solicitarse cita previa no 981 704 100. Dado que a suspensión administrativa de prazos entrou en vigor un día antes da data tope fixada para a recepción de obras, o peche do prazo realizarase un día despois de que remate o estado de alarma.

As bases non varían con respecto a edicións anteriores: cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras; as fotografías realizaranse en branco e negro ou cor, natural ou manipulada, e o tema das obras é libre; os traballos fotográficos deberán ser orixinais, inéditos e recentes.

Haberá premios para os gañadores, que chegarán ata os 1.500 euros. Para máis información, visitar a web do concello de Carballo.