Ás 20.30 horas deste martes tivo lugar o concerto da Big Band do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, dirixida por Javier Bardanca. O acto tivo que celebrarse na planta alta do Mercado Municipal, por mor do mal tempo. Foi o preludio do pregón que pronunciou Álex Ávila Álvarez, pediatra neonatólogo carballés e director do Hospital Materno Infantil do CHUAC.
“Eu son… Balbino. Un rapaz da aldea; coma quen di, un ninguén”. Así comezaba Álex o pregón, lembrando as palabras de Xosé Neira Vilas na súa obra “Memorias dun neno labrego”. “Un rapaz de Carballo, da rúa Ourense, da Leus, do Brañas”, continuou o pregoeiro ao tempo que aclaraba sentirse moi identificado con ese rapaz, ese “ninguén” que, a pesar diso, ten a “inmensa honra” de ser o pregoeiro das festas patronais da súa vila, algo que sempre leva no seu pensamento. Tamén lembrou as súa prácticas no centro de saúde de Carballo, no verán de 1999, así como algunha que outra anécdota con algún que outro paciente e un compañeiro de fatiga natural de Castela.
No acto, o pregoeiro estivo acompañado do presidente da Comisión de Festas, Sergio Varela, do alcalde Evencio Ferrero, de numerosos veciños e veciñas, así como unha ampla representación da súa familia.