Ángel Carracedo Álvarez (Santa Comba, 12 de novembro de 1955) é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela desde 1989, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica desde 1997 e director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII desde 2002.
O Premio Otero Pedrayo, que acaba de recibir, está promovido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais. O galardón, que actualmente está dotado con 16.000 €, instaurouse en 1977 e ten como obxectivo perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e do coñecemento e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.
Recoñecido xenetista internacional, ocupa desde 1994 a dirección do Instituto de Medicina Legal da USC, ademais da Vicepresidencia da Academia Internacional de Medicina Legal e a Presidencia da Internacional Society for Forensic Genetics.
As súas investigacións, centradas na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as doenzas raras e a farmacoxenómica, convertérono en gañador do Premio Otero Pedrayo, outorgado por primeira vez a un investigador científico.