O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Muxía manteñen a súa primeira reunión institucional

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo este luns a súa primeira reunión institucional co alcalde de Muxía, Francisco Javier Sar Romero, nun encontro no que ambos mandatarios analizaron os investimentos da institución provincial no municipio e as principais necesidades de futuro do concello.

Durante a reunión, o alcalde trasladou ao presidente diferentes propostas orientadas á mellora das infraestruturas e dos servizos municipais, entre elas actuacións relacionadas co saneamento, o abastecemento de auga e outros servizos básicos que teñen unha incidencia directa na calidade de vida da veciñanza.

Formoso interesouse polas prioridades do municipio e destacou a vontade da Deputación de manter a colaboración co Concello de Muxía para seguir avanzando en proxectos útiles para a veciñanza do municipio. «A Deputación ten que estar ao lado dos concellos, escoitando as súas necesidades e acompañando aqueles investimentos que melloran os servizos públicos e a vida diaria da xente», afirmou o presidente provincial.

Nos últimos preto once anos, coincidindo co período de goberno de Valentín González Formoso á fronte da Deputación, o investimento provincial en Muxía ascende a preto de 20 millóns de euros. Arredor da metade desa cantidade, 9,7 millóns de euros, corresponde ao Plan Único, que permitiu financiar 62 obras no municipio.

No presente exercicio, Muxía ten aprobado un investimento de 1.668.293 euros con cargo ao POS+2026, que permitirá ao Concello seguir impulsando novas actuacións de mellora de infraestruturas e servizos municipais.