Valentín González Formoso levou a cabo este venres unha visita institucional a Ponteceso co obxectivo de avaliar as importantes obras levadas a cabo en Tella, que definiu como «un exemplo de como o Plan Único mellora os núcleos rurais». Os fondos provinciais permitiron financiar un proxecto valorado en máis de 255.000 euros polo que xa se levou a cabo a ampliación do vial de Tella e agora están a executarse as obras de acondicionamento da contorna do local social. Unha actuación integral na zona, acorde co patrimonio, que trae consigo unha importante mellora na seguridade viaria. González Formoso quixo destacar «a xenerosidade e o compromiso dos veciños e veciñas de tella, que deron unha lección cedendo os terreos gratuitamente nunha zona urbana de demanda de vivenda cun valor considerable no mercado» e aproveitou para subliñar que «é importante que Ponteceso non perda agora os fondos do Plan Único». Pola súa parte o alcalde, Lois García, quixo agradecer «a visita do presidente para ver como en Ponteceso os fondos provinciais están ben empregados».
O presidente da Deputación da Coruña visitou Ponteceso
Cedida.