O presidente da Xunta recibiu ao embaixador británico en España, Hugh Elliott


Alfonso Rueda, trasladou ao embaixador británico en España, Hugh Elliott, o interese do Goberno galego por estreitar as relacións bilaterais para avanzar nos intereses comúns entre o Reino Unido e Galicia.

O titular do Goberno galego recibiu ao máximo representante da diplomacia británica no seu despacho de San Caetano, onde lle trasladou o seu pesar e o do pobo galego polo falecemento da raíña Isabel II.

No encontro abordaron cuestións de interese para as relacións entre o Reino Unido e España; en particular, as que afectan directamente aos galegos a raíz da saída do Reino Unido da Unión Europea.

Ambos coincidiron na necesidade de intensificar as relacións diplomáticas e institucionais para que as consecuencias do brexit non prexudiquen os vínculos entre británicos e galegos, tanto no que se refire ao comercio internacional como á pesca ou aos intercambios entre estudantes que tan bos resultados deron nos últimos anos.