- O acto oficial celebrarase o 26 de outubro na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada
O presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, José Iván Muíño Facal, será condecorado coa Medalla de mérito e recoñecemento á antigüidade e constancia, na súa categoría de ouro, tras 25 anos de dedicación ao servizo voluntario. A distinción vén de ser concedida, por unanimidade, pola xunta directiva da Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España (ANAV Protección Civil España).
O acto oficial celebrarase o vindeiro 26 de outubro na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, a partir das 12 horas.
José Iván Muíño Facal é voluntario de Protección Civil dende o 3 de marzo de 1994. Durante 15 anos desenvolveu a súa actividade na agrupación de Carballo, onde participou en operacións de rescate de persoas atrapadas en vehículos, extinción de incendios forestais e urbanos, busca da persoas desaparecidas por terra e auga, operativos preventivos, e vixilancia e salvamento de persoas na praia. Ademais, durante ese período foi xefe de sección, vogal da xunta directiva da agrupación, encargouse da formación básica de voluntariado en escalada e mergullo, e, entre outras moitas tarefas, colaborou en distintas accións durante a catástrofe do “Prestige”.
Dende o ano 2009 dirixe e preside a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, que nestes momentos, e grazas ao traballo desenvolvido ao longo destes dez anos, é unha das mellor equipadas da Costa da Morte.