O presidente de Sogama defende a necesidade de mudar a visión que se ten sobre os residuos


O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, defendeu a necesidade de mudar a visión que se ten sobre os residuos para poñelos en valor e defender que, grazas á súa correcta xestión e tratamento, se pode contribuír de forma eficaz non só a reducir a contaminación senón tamén a crear riqueza e emprego.

No marco do I Encontro estatal de corporacións públicas empresariais, organizado pola Corporación Pública Empresarial de Navarra, o responsable de Sogama participou en nome de Galicia e xunto a representantes institucionais e empresariais doutras seis comunidades na sesión dedicada a expoñer e analizar diferentes exemplos de boas prácticas neste sector.

En base á experiencia adquirida desde a posta en marcha de Sogama hai xa máis de 20 anos, o responsable da empresa pública galega incidiu na necesidade de poñer en valor os residuos, concienciar á poboación de que hai que tratalos nas mellores condicións posibles e implicala na súa xestión porque o lixo, engadiu, “é un problema de todos”.