O préstamo de libros electrónicos triplica o número de usuarios pola covid-19


As bibliotecas celebraron o seu día, unha efeméride que, como cada ano, se festexa o 24 de outubro e que nesta ocasión ten por obxectivo visibilizar a importante función estas dotacións culturais no acceso á cultura en calquera lugar e circunstancias. Neste sentido, xogan un papel fundamental recursos electrónicos como GaliciaLe, a plataforma de préstamo dixital da Xunta de Galicia que triplicou o número de usuarios desde o inicio da pandemia.

Así, desde que no confinamento o Goberno galego decidise facilitar as condicións de acceso, empregaron este portal preto de 24.000 persoas, das cales case 9.000 foron novos usuarios. Trátase dunha cifra que triplica a rexistrada en todo o pasado ano, no que o número de usuarios activos eran 7.300. Ademais, desde o mes de marzo tamén se incrementou a cifra de préstamos nun 20% ata case 68.000 exemplares.

Cómpre salientar que o número de persoas que fixeron uso do catálogo en galego medrou notablemente. Tanto é así que desde que empezou a crise da covid-19 os usuarios activos en lingua galega son máis do dobre que o rexistrado o pasado ano.

Este crecemento en todos os indicadores propiciou que o Goberno galego estea a reforzar o número de licencias, así como a incorporar novos títulos co obxectivo de ofrecer unha maior variedade que dea resposta ás necesidades dos lectores, manter actualizada a plataforma e dar un mellor servizo. Tamén estanse a incrementar e repoñer as licenzas dos máis demandados e acortar así os tempos de espera.