O profesorado do ensino público mantén a protesta contra o acordo educativo

Convocados polos sindicatos CIG, STEG e CSIF, con apoio da CUT, máis de 2.000 profesores e profesoras galegas volveron saír este martes á rúa para reclamar a redución do horario lectivo a 18 horas en Secundaria e a 21 en Primaria, así como unha redución de ratios «asumíbeis», na segunda xornada de folga en protesta polo acordo asinado entre a Xunta e CCOO, ANPE e UXT.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, sinalou que o seguimento da folga é similar á celebrada fai catro semanas, cando estimaron un 60%, con «unha lixeira tendencia á alza en Secundaria e á baixa en Primaria», onde se nota, dixo, «o efecto da división que provoca a división sindical». Con todo, quixo remarcar que os datos son «parciais», mentres a Xunta reduciu a cifra de seguimento a 9,37%. Para o representante da central nacionalista, «chama a atención» o feito de que a Comunidade de Madrid chegase a un preacordo cos sindicatos para recuperar o horario das 18 horas. «Chama a atención como un sector do PP que supostamente pasa por máis liberal e reaccionario pacte unha mellora substancial das condicións de traballo do profesorado madrileño e que aquí se nos negue», protestou.

Ademais, lamentou que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, «mirase para outro lado» ou «dirixise intencionadamente» un acordo «cuestionado polo profesorado». Así, dixo botar en falta que o responsábel autonómico «tome cartas no asunto» e cuestionou se o conselleiro «pode formar parte da solución ou se ten que botar ao carón por incapacidade manifesta».

«Esta é a última chamada que facemos á posibilidade de chegar a un entendemento, de que se nos convoque e podamos negociar eses elementos que levamos meses reclamando: a redución do horario lectivo a 18 en Secundaria e a 21 en Primaria e a redución das ratios asumíbeis», asegurou. Neste sentido, explicou que co acordo alcanzado entre Xunta e CC.OO., ANPE e UXT un alumno que estea escolarizado nunha aula de 3 anos, con 24 ou 25 alumnos, «en toda a súa vida académica non vai ver a redución de ratios». «Iso é o que se acaba de acordar», censurou.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha