O profesorado en folga: mobilízase contra o acordo educativo da Consellería

3 minutes read

Miles de docentes de toda Galicia reclamaron este martes en Santiago que a Xunta rectifique e negocie “melloras reais” para o ensino público galego, nunha xornada de folga na que os sindicatos convocantes cifraron a participación en máis do 60%, unha cifra que a Consellería reduciu a pouco máis do 15%. Malia a intensa choiva, unha longa ringleira de profesores e profesoras percorreu as rúas de Compostela desde a praza Cervantes ata San Caetano para rexeitar o documento de mellora do ensino que os sindicatos CCOO, ANPE e UGT asinaron hai dúas semanas coa Xunta. Un pacto que CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación en Galicia, e STEG, CSIF e CUT cualifican como o “acordo de renuncias” e que reclaman “superar” cunha nova negociación que, se non se produce, advirten, abocará a novas mobilizacións.

Á espera de cifras “definitivas”, o secretario de CIG-Ensino, Suso Bermello, sinalou que a folga en protesta polo acordo de redución do número máximo de alumnos por aula e do horario lectivo foi “masiva” en Secundaria cun seguimento “do 80 %” e que tivo menos impacto en Infantil. “Na media, excedemos folgadamente o 60 % de participación”, dixo Bermello en declaracións aos medios ao comezo da manifestación que xuntou uns 2.000 docentes en Santiago que, segundo dixo, “duplicou” en asistencia á convocada en decembro de 2019 por seis sindicatos e centrada na recuperación do horario lectivo. Unha marcha importante que transcorreu baixo a auga con cánticos como “aínda que se molle, o ensino non encolle”, máis docentes e menos cocientes” ou “non ao acordo da vergoña”.

Esta asistencia masiva, en opinión das organizacións convocantes, significa que o profesorado “está farto de recortes e que está en contra do acordo asinado pola Xunta e os tres sindicatos nos que se renuncia a recuperar o horario lectivo que desde hai 14 anos lle foi roubado aos mestres e mestras e desde hai 12 ao profesorado do resto de ensinanzas”. Mentres CIG-Ensino estima o seguimento da folga en Secundaria, FP e ensinos de réxime especial chegou ao 70 % e ao 40 % nos centros de Infantil e Primaria, desde Educación reducen o seguimento ao 15,38 %.

O sindicato nacionalista denunciou, ademais, que o departamento que dirixe Román Rodríguez “deu instrucións a todas as direccións dos centros de que non desen ningún dato posterior ás 9.30 da mañá”, momento no que “a maioría” do profesorado de Secundaria “no están”. Todo para, segundo o sindicalista, mostrar porcentaxes de seguimento da folga “irrisorios”.

Ademais, culpou a Consellería de ser “a principal responsábel da división do profesorado e tamén da división sindical que se produciu durante as negociacións que se pecharon en falso cun acordo que renuncia de facto a recuperar o horario lectivo, e que nos deixa á cola do Estado, xunto con Madrid, no mantemento das 25 horas en Primaria e Infantil e as 20 no resto de etapas”. “Para que se producise esta división precisáronse cómplices necesarios”, engadiu en alusión aos tres sindicatos asinantes.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?