Impulsado polo Concello, trata de favorecer a inclusión social e cultural das persoas inmigrantes empadroadas no municipio.
A iniciativa, que presta unha atención prioritaria ao colectivo das mulleres, ofrece un espazo de aprendizaxe, participación e convivencia orientado a facilitar a autonomía das persoas participantes no seu día a día e a favorecer a súa integración e participación na vida social larachesa.
A programación estrutúrase en tres sesións semanais. Os luns desenvolverase o nivel de iniciación de aprendizaxe das linguas oficiais de Galicia e os mércores, o nivel medio, dando continuidade ao traballo lingüístico das persoas que xa contan con coñecementos previos.
A terceira das propostas será o espazo de participación cultural ‘Exprésa-T’, que terá lugar os venres. Esta actividade complementa a formación lingüística cun espazo de encontro, intercambio e socialización no que se abordarán cuestións relacionadas cos costumes, os valores e o funcionamento da sociedade de acollida, ao tempo que se favorecerá o coñecemento mutuo e o intercambio entre as diferentes culturas presentes no municipio.
O programa desenvolverase cunha metodoloxía participativa e cunha perspectiva de xénero e coeducación, promovendo a igualdade, a convivencia e a creación de relacións sociais que contribúan á construción dunha sociedade máis inclusiva e intercultural.
As persoas interesadas en participar na nova edición de ‘A Laracha acolle’ poderán formalizar a súa inscrición a partir do luns da semana que vén, día 21 de setembro, no departamento de Servizos Sociais do Concello, situado no Edificio Administrativo da Laracha, ou chamando ao teléfono 981 612 811.
