Oito destas iniciativas están relacionadas coa I+D, mentres que a novena enmárcase no eido da innovación en produto. Nos nove proxectos seleccionados están implicadas 29 entidades galegas, incluídas as tres universidades galegas, e todos eles están orientados ao mercado e á mellora da competitividade das empresas galegas, contribuíndo ao mesmo tempo ao impulso da transición dixital do tecido empresarial galego –especialmente das pemes–, e polo tanto á recuperación económica de Galicia.
Entre as solicitudes presentadas á convocatoria Conecta Covid, promovida pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destacan, entre outros, sistemas de desinfección intelixente, plataformas de apoio a doentes baseada na intelixencia artificial ou mecanismos de predición temperá de actividade anti covid-19 sobre biomoléculas presentes en fungos e microalgas.
Neste sentido, todos os proxectos están aliñados cos obxectivos dos Hubs galegos de innovación dixital, Dihgigal e Datalife, ambos os dous axentes colaboradores na convocatoria e desenvolvemento do programa de axudas que fomenta tamén a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. A colaboración destes dous Hubs permitirá canalizar os fondos dun xeito eficaz e eficiente, xa que poderán orientar os apoios ás necesidades reais do tecido empresarial e avanzar no modelo galego de especialización intelixente.
Así, a intensidade da axuda que recibirán os proxectos apoiados depende da liña e do tamaño das empresas implicadas, podendo recibir as empresas ata o 80% do total do investimento. Ademais, poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 80% da axuda concedida e incluso do 100% no caso de que as iniciativas rematen este ano ou en 2022.