O programa de innovación educativa ‘Club de ciencia’ chega a 146 centros este curso

1 minutes read

Un total de 146 centros educativos públicos de toda Galicia (37 de nova incorporación este ano) desenvolverán durante o presente curso 2021/22 o Club de Ciencia, unha iniciativa da Xunta enmarcada na Estratexia Educación Dixital 2030 que ten como finalidade estimular o espírito científico entre o alumnado ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.
Este é o sexto ano consecutivo que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon en marcha esta acción, que naceu como experiencia piloto no curso 2016/17 con nove centros en toda Galicia e que no presente 2021-22 chega a 65 na provincia da Coruña (14 de nova incorporación), 17 en Lugo (seis novos), 18 en Ourense (seis novos) e 46 en Pontevedra (11 novos), tal e como pode consultarse no Portal Educativo.

Alimentar curiosidades
O Club de Ciencia defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de Educación Primaria, Secundaria obrigatoria ou Bacharelato. Un dos docentes actuará como persoa coordinadora do club.

As actividades desenvólvense fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente, cun mínimo dunha media de catro horas ao mes. Cada centro docente seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibe unha achega económica para sufragar gastos que estean debidamente xustificados e imputables á participación nesta convocatoria.