- O venres será o turno da comedia Go On! no centro sociocultural de Paiosaco
O Concello da Laracha organizou dúas propostas culturais, unha dirixida ao público infantil e outra ao adulto, para esta semana. O programa ábrese este xoves no CEIP de Caión. Teatro Calavera achegará aos nenos de entre tres e dez anos a función Brincadeira Pirata, un contacontos participativo. O espectáculo iniciarase a partir das 18:00 e a entrada é gratuíta.
Debido ás limitacións de aforo, terán preferencia de acceso os nenos e soamente se permitirá o acompañamento de persoas adultas no caso de que non se cubra a capacidade máxima da sala.
Ademais, este venres o centro sociocultural de Paiosaco acollerá a segunda función da Primavera Teatral. Será a partir das 20:00 horas. Desta volta proponse a comedia Go On!, de Malasombra Producións, na que Xoque Carbajal e Jouse García dan vida a dous exploradores que percorren e parodian os costumes, refráns, cancións e a cultura galega en xeral adentrándose nas terras galaicas a través da ruta xacobea.
O aforo é limitado e o acceso será por orde de chegada ata completar a capacidade máxima da sala. Será obligatorio o uso da máscara.