O programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia FEDER 2014-2020 aprobou o pasado ano un total de 1.424 operacións, por un importe 322,8 millóns de euros, o que supón un incremento do 42% sobre as operacións aprobadas en 2019. Así se puxo de manifesto na reunión que vén de celebrar o Comité de Seguimento do Programa Operativo de FEDER Galicia, onde se deixou patente que o obxectivo destas actuacións é consolidar o progreso autonómico cun modelo de crecemento intelixente, sustentable e integrador, en liña coa Estratexia Europa 2020 e contribuír a reactivar a economía. Desde o inicio do programa operativo, máis de 345.000 persoas poden relacionarse na súa vida cotiá cos servizos públicos por medios dixitais. En 2020 tamén se fixo un gran esforzo na adquisición de equipamentos para posibilitar a educación dixital. Todos estes datos acaban de presentarse no Comité de seguimento do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 correspondente ao pasado exercicio celebrado de xeito telemático.
26