O Programa Iacobus pecha o prazo de presentación de candidaturas con máis de 300 propostas


O IACOBUS é un programa de cooperación científica, cultural e pedagóxica que ten como principais obxectivos promover e fomentar sinerxías e o desenvolvemento conxunto de actividades de investigación, formativas e de divulgación entre universidades, institutos politécnicos e centros Tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Trátase dunha iniciativa de éxito no ámbito académico da Eurorrexión, que suma 1.200 candidatos nas edicións anteriores e proxectos de investigación que abranguen todas as áreas de coñecemento, cun financiamento total superior a 1,4 millóns de euros, no marco do Programa INTERREG VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Os obxectivos do IACOBUS alíñanse ás prioridades definidas no Plan de Investimentos Conxuntos Galicia – Norte de Portugal (PIC 2021-2027) e nas áreas estratéxicas establecidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal (RIS3-T).

IACOBUS acaba de pechar o prazo de presentación de candidaturas, con máis de 300 propostas recibidas, 231 delas para os proxectos da novena edición para as estadías de docentes e investigadores galegos e portugueses e 74 publicacións para optar á cuarta edición do IACOBUS Papers, dirixida a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación científica. Son 61 candidaturas máis que as rexistradas nas últimas convocatorias. En concreto, 46 máis no programa de estadías fronte ás 185 do ano pasado e 15 máis no caso das publicacións científicas respecto ás 59 presentadas á convocatoria anterior.