O programa integrado de emprego da Laracha logrou a inserción laboral de 50 persoas

Cedida.

O programa integrado de emprego que se desenvolveu na Laracha baixo a organización do Concello e da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia concluíu deixando un balance de 50 participantes que lograron o obxectivo da inserción laboral e outros 50 que melloraron a súa empregabilidade ampliando a súa formación e competencias profesionais. Deste xeito superouse sensiblemente o propósito de inserción inicial, fixado no trinta e seis por cento.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado Lago, presidiron o acto de clausura celebrado na Casa da Cultura e entregaron aos participantes os diplomas que certifican a asistencia e aproveitamento do programa integrado de emprego.

O rexedor municipal mostrou o seu agradecemento “á Xunta de Galicia, aos participantes, ao equipo docente e ás empresas que permitiron facer as prácticas” para que o programa integrado de emprego, “unha das iniciativas máis importantes para a inserción laboral”, fose un éxito.

A directora xeral valorou o “entusiasmo do Concello, equipo e alumnado” durante o desenvolvemento do programa, considerando que os diplomas entregados “simbolizan o recoñecemento dunha aprendizaxe teórica e práctica de calidade”. Zeltia Lago, que destacou o investimento de 250.000 euros da Xunta de Galicia para o financiamento do programa integrado de emprego da Laracha, referiuse ás “vantaxes de xerar recursos e sinerxias” por medio de iniciativas destas características. Concluíu cunha felicitación polo nivel de inserción laboral alcanzado.

Este programa foi dirixido a cen laracheses que figuraban como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. O obxectivo esencial foi facilitar a súa inserción laboral por medio da realización dun conxunto de accións organizadas ao redor dun proceso individualizado dirixido ao crecemento persoal e profesional a través de accións de información, orientación, asesoramento, formación, prácticas en empresas e prospección e intermediación laboral. En todos os casos a formación impartiuse en aulas habilitadas no edificio administrativo da Laracha (teórica) e nos Centros Socioculturais de Paiosaco e Lendo.

Participantes, no acto de clausura.