O programa ‘Lousame Concilia’ arrinca curso con dezaseis nenos/as


Un total de 16 nenos e nenas participan no programa “Lousame Concilia” do curso 2022-2023, un servizo de atención e coidado de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos antes do inicio das clases. Organizado polo Concello de Lousame, o servizo préstase de 7:45 e 9:00 horas nas instalacións do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro.

Durante estes primeiros días, a rapazada desfrutou de sesións de contacontos, xogos matemáticos, xogos de mesa… Así mesmo, están a elaborar un mural sobre o outono que agardan ter rematado a próxima semana.

O “Lousame Concilia” é un servizo posto en marcha polo Concello de Lousame, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade, para facilitar a conciliación familiar no municipio. Ademais dos 16 inscritos, o Concello de Lousame conta con prazas dispoñibles tanto para atender as demandas de días soltos por parte das familias (reservando a praza no teléfono 606 788 345) como de asistencia continua. Neste caso, as familias interesadas deberán poñerse en contacto coa Concellería de Igualdade: 981 820 494.