O programa Madrugadores da Laracha comezou o curso con 90 usuarios


A través do programa Harmoniza, o Concello da Laracha ofrece ás familias con nenos ao seu cargo servizos de axuda á conciliación da vida persoal e laboral.

Co inicio do curso escolar púxose en marcha un ano máis Madrugadores, o programa municipal que permite levar aos alumnos ao seu centro de ensino antes do inicio das clases e, deste xeito, adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo.

A día de hoxe conta cun total de noventa usuarios, dos cales cincuenta e oito son alumnos do CEIP Otero Pedrayo da Laracha e outros vinte e dous, do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. En ambos centros hai aínda prazas dispoñibles. Para poder ser usuario é imprescindible que os pais xustifiquen a necesidade do servizo e formalizar a inscrición vía telemática na sede electrónica ou acudindo (requírese reserva de cita previa) ao Centro de Información ás Mulleres, situado no edificio administrativo da Laracha. Os nenos que se anoten poden facelo para empregar o servizo durante todo o curso escolar ou ben en días puntuais, existindo en ambos casos a opción de facelo con ou sen almorzo.

Neste curso, Madrugadores ten un protocolo de actuación específico para garantir o cumprimento de todas as medidas sanitarias  relativas á organización, protección individual e limpeza, contemplándose o modo de acceso, o emprego da máscara, os grupos reducidos e a hixiene tanto dos nenos e dos monitores como do material e dos espazos do centro de ensino nos que desenvolven a actividade.

Aula lúdica

O outro servizo de axuda á conciliación do programa Harmoniza é a aula lúdica municipal, que durante o curso escolar está operativa no edificio de servizos múltiples da Laracha.

Aínda que foi preciso reducir o número de usuarios -ata un máximo de trinta e catro- para cumprir as medidas de aforo, hai prazas dispoñibles para poderse dar de alta. Neste caso tamén é imprescindible xustificar con causas obxectivas a necesidade do servizo.