O Programa Meteoescolas formará este curso a máis de 7.300 alumnos en meteoroloxía

2 minutes read

A Xunta acaba de poñer en marcha unha nova edición do programa educativo MeteoEscolas coa participación de 42 centros educativos galegos e 480 profesoras e profesores. En canto ao alumnado, este curso 2023-2024 adquirirán coñecementos relacionados coa meteoroloxía no marco deste plan máis de 7.300 estudantes, unha cifra un 20% superior á media rexistrada desde a creación desta iniciativa formativa no curso 2012-2013.

O persoal de MeteoGalicia ofreceu recentemente unha charla informativa para o profesorado co fin de trasladar, ademais dos obxectivos xerais do programa, a metodoloxía de traballo, que consiste na observación meteorolóxica e a inserción de datos en plataformas meteorolóxicas. Estas tarefas, a base do proxecto, acompañadas por outras iniciativas que propoñen os centros relacionadas coa materia, poden abarcar distintas áreas de coñecemento e os datos recollidos poden ser utilizados polos investigadores galegos para mellorar o coñecemento do clima da comunidade.

Na edición 2023-2024 participan un total de 480 profesores e 7.302 alumnos de 42 centros de ensino -22 da provincia de Pontevedra, 9 da provincia da Coruña, 6 da de Lugo e 5 da de Ourense-. Do total, 17 centros súmanse por primeira vez a esta iniciativa educativa, polo que nesta xornada tamén se lles fixo entrega do equipamento para medir variables meteorolóxicas, como un pluviómetro e un termómetro por centro.

MeteoEscolas é un dos programas recollidos no Plan Proxecta+, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades na que colaboran diferentes organismos e está pensada para fomentar a innovación educativa nos centros así como potenciar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial. Nos últimos anos a participación de alumnado, docentes e centros neste programa, do que van xa 12 edicións, foi a máis polo maior interese da comunidade educativa.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?