O programa Primavera Xove ofrecerá opcións de lecer e ocio seguras para a xuventude galega


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, adiantou que esta nova iniciativa se desenvolverá en tres formatos diferentes —programas de fin de semana nos albergues xuvenís, encontros formativos nos campos universitarios e feiras nos espazos xoves—, e terá lugar durante os meses de maio e xuño.

A primeira destas actividades centrarase en estadías de fin de semana nos albergues xuvenís Lug II de Lugo e en Gandarío, situado no concello de Bergondo. Nelas ofreceranse un total de 160 prazas, 20 por cada fin de semana, e poderán participar mozas e mozos de entre 14 e 17 anos. O programa é totalmente gratuíto e incluirá o aloxamento de venres e sábado, a manutención completa e unha variada listaxe de actividades.

A segunda das propostas de lecer que presenta o programa Primavera Xove consistirá en charlas formativas e inspiradoras nos campus universitarios a cargo de poñentes recoñecidos en diferentes eidos. Os contidos principais serán o emprendemento innovador, as redes sociais, a cultura e a educación emocional, entre outros. Poderán participar un total de 20 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos en cada unha e levaranse a cabo todos os mércores de maio e xuño nos campus de Vigo, Santiago, A Coruña e Ourense a partir do próximo día 12.

Por último, ao longo dos venres vindeiros tamén se realizarán feiras nos 12 espazos xoves da Consellería de Política Social que se sitúan en Lalín, Pontedeume, Betanzos, Curtis, Ourense, Vilalba, Viveiro, Noia, Chantada, Vilagarcía, Carballo e Tui. Estes encontros, nos que participarán os institutos de cada zona, terán un aforo limitado e contarán con obradoiros de cultura urbana e actuacións musicais.