O programa autonómico Quérote+, que realiza formacións en centros educativos sobre relacións afectivas ou imaxe corporal, chegou no pasado curso 2021/2022 a preto de 10.400 mozos. Para iso, a iniciativa puxo en marcha arredor de 500 accións, impartidas por profesionais do ámbito social, por institutos de toda a Comunidade.
En concreto, a principal temática foi a sexualidade, con preto de 400 obradoiros celebrados. Outros dos temas tratados foron a imaxe corporal, con 50 destes talleres, ou os consumos de sustancias como alcohol ou drogas e de internet, con 10. Ademais de centros escolares, os profesionais que integran os equipos de Quérote+ visitan tamén concellos, asociacións, universidades e outras entidades, ámbito no que alcanzaron a máis de 1700 persoas con 75 obradoiros dende comezos de ano e ata finais de xuño.
No que se refire ás consultas, os cinco centros que forman parte deste programa, situados na Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, atenderon algo máis de 3000 no primeiro semestre deste 2022. Neste caso os temas tratados son similares: destaca a sexualidade como principal temática, presente en máis da metade (sobre 1600) das peticións atendidas, seguido pola imaxe corporal (300) e o VIH (160). As redes sociais, o consumo de alcohol, drogas e internet, ou os problemas psicolóxicos derivados da COVID son outros dos temas atendidos. Outro dos servizos postos a disposición da xuventude pola Xunta no marco deste programa é a realización de probas rápidas de VIH para maiores de 16 anos e de tests de embarazo.
A mocidade galega pode consultar toda a información sobre esta iniciativa na sección correspondente da web de Xuventude, incluíndo os datos de contacto xerais e de cada centro, como teléfono, correo electrónico, WhatsApp, Telegram ou videochamada.