O programa Renove Automoción xa supera as 1.200 solicitudes recibidas

1 minutes read

A Xunta xa recibiu un total de 1.252 solicitudes para acceder ás axudas do programa Renove Automoción que esta mesma semana ampliou o crédito en 2 millóns de euros para chegar a un orzamento total de 4,5 millóns co obxectivo de seguir apoiando a substitución do parque automobilístico galego.

Así, das peticións totais, 1.130 corresponden a particulares e as restantes 122 a empresas e autónomos. Supoñen axudas por 3,37 millóns de euros cun investimento público-privado asociado de preto de 26 millóns. En canto ao tipo de motorización, os vehículos máis demandados son os de gasolina -481-, seguidos dos híbridos de gasolina, con 428 solicitudes.

Cómpre lembrar que as axudas son de concorrencia non competitiva —é dicir, por orde de chegada das solicitudes— e tramítanse a través dalgunha das 85 entidades colaboradoras. Oscilan entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales o Goberno galego achega 2.000 e 3.000, respectivamente, e o concesionario, 1.000. A contía increméntase nun 20% para familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros.

A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 40.000 euros. Será requisito imprescindible que a persoa beneficiaria acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de, polo menos, 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas. Polo tanto, entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade –o parque móbil galego ten unha media de 14 anos– por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire.