O programa “Vexo veo Xacobeo” acerca o Camiño a case mil alumnos da provincia da Coruña

1 minutes read

No caso da provincia da Coruña o programa lévase a cabo nun total de dezaseis colexios. Concretamente, na área de Santiago na cidade no Ceip de Vite e no de Roxos, en Villestro; en Oroso no Ceip de Sigüeiro e no do Camiño Inglés; en Melide no Ceip Martagona e no Mestre Pastor Barral e en Padrón no Ceip Pousana. Nestes centros participaron na actividade un total de 514 alumnos.

Na comarca da Coruña participaron na cidade os Ceip Curros Enríquez, Alborada, Juan Fernández Latorre e Víctor López Seoane e do Concello de Culleredo o Ceip Ría do Burgo cun total de 290 alumnos participantes.

Na comarca de Bergantiños Costa da Morte colaborou con este programa o Ceip Santa Eulalia de Dumbría con 34 alumnos e na comarca do Barbanza en Rianxo o Ceip Alonso D. Rodríguez Castelao e o Ceip Salustiano Rey da Pobra do Caramiñal que xuntos implicaron a 145 alumnos de infantil e primaria.

 “Vexo, veo Xacobeo” naceu en 2021 para divulgar, sensibilizar e promover os Camiños de Santiago e do Xacobeo, a través do conto, a lectura e a teatralización. O delegado da Xunta destacou que a iniciativa pretende a recuperación do patrimonio inmaterial e achegar o intercambio cultural a través da tradición oral aos cativos.

 O programa é unha iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través do Plan Proxecta +, dirixido a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.