O programa Xuventude Crea contará cunha nova convocatoria en xuño


A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou que a Xunta porá en marcha unha nova convocatoria do programa Xuventude Crea no vindeiro mes de xuño. Fíxoo na presentación da exposición itinerante Xuventude crea: máis dunha década, que conmemora os traballos premiados nesta iniciativa, que impulsa a creatividade, o enxeño e a innovación da xuventude galega.

Fabiola García explicou que con esta mostra procúrase dar a coñecer os proxectos das mozas e mozos para que sirvan tamén de referente a vindeiras xeracións. Ao longo do último ano a exhibición percorreu oito localidades de toda a Comunidade antes de recalar en Noia, onde permanecerá este mes.

Así mesmo, explicou que máis de 4000 mozas e mozos participaron no Xuventude Crea ao longo da súa historia. Este éxito de participación, engadiu, leva a Administración autonómica a avanzar nunha nova ferramenta que lle sirva de escaparate, un museo dixital que recollerá os proxectos e que moi pronto verá a luz.