O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, presidiu este xoves a xuntaza na que se constituiu formalmente o Consello de Dirección do ‘Proxecto Anllóns’. A reunión, que tivo lugar no Concello de Cabana de Bergantiños, tamén serviu para presentar a empresa que se ocupará de realizar a diagnose medioambiental e unha proposta de actuacións turísticas sustentables para a contorna do río Anllóns.
Xosé Regueira asegurou que “todo este proceso que levamos realizando desde a Deputación da Coruña para chegar a este proceso de colaboración entre concellos para poñer en valor o gran potencial fluvial que temos tanto a nivel de turismo como de patrimonio natural e incluso de carácter industrial, permitiranos traballar incluso coa perspectiva de candidataros a Fondos Next Generation”. Neste sentido, o vicepresidente lembrou que “este proxecto non só será unha posibilidade de diversificación de fluxo turístico senón que, sobre todo, será unha posibilidade de mellorar a saúde ambiental e calidade das augas do río Anllóns que vertebra una boa parte da comarca de Bergantiños”.
O Consello de Dirección do ‘Proxecto Anllóns’ está conformado por dúas persoas representantes da Deputación e dúas de cada concello integrante da comunidade intermunicipal e está presidido, durante o primeiro ano, por Cabana de Bergantiños por ser o concello de menor poboación, representado polo seu alcalde José Muíño. Na xuntanza deste xoves, ademais de Xosé Regueira e José Muíño, tamén estiveron presentes os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero, de Coristanco, Juan Carlos García Pose, de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, e o tenente de alcalde da Laracha, José Ramón Martínez Barbeito; así como persoal técnico de Turismo dos concellos e da Deputación.

Este proxecto, que bota a andar tras a sinatura dun convenio entre Deputación e os cinco concellos a pasada semana, ten por obxecto preservar a biodiversidade e o patrimonio natural propio desta comarca, a través de accións de recuperación do bosque de ribeira e a erradicación da flora alóctona e plantas invasoras en ámbitos próximos ao río, que serán complementadas con accións divulgativas entre a comunidade escolar.
Entre as iniciativas a incluír no proxecto tamén se valorarán as relacionadas co patrimonio inmaterial e a identidade cultural relacionada co río Anllóns, como poden ser a recuperación de sendeiros de pescadores, a posta en valor de lendas e de historias de tradición oral ou iniciativas relativas a infraestrutuas fluviais como minicentrais ou muíños de batán.