O proxecto Cicl-Ando Carballo, a piques de ser unha realidade

Senda ciclo peonil de regreso complementaria al carril bici Avda. Razo (DP-1902)_Concello

  • A maioría das actuacións atópanse nun 80% da fase de execución

As sendas ciclo-peonís do proxecto Cicl-Ando Carballo xa levan un 80% de execución. O Concello investiu 2,1 millóns de euros nesta rede de camiños de 18 quilómetros de lonxitude que serán financiados nun 80% con fondos europeos. A maioría están a punto de finalizar e nalgúns casos só falta a sinalización. Estas son as sendas executadas e o seu progreso:

Avda. Bértoa – Polígono Industrial Bértoa. Deuse continuidade ao treito que xa executara o Concello. Agora será posible ir polo interior do polígono ata a zona do complexo deportivo das Eiroas, o parque de bombeiros e o novo centro social. Adxudicada a Vázquez y Reino por 278.398,14 euros, está case completa.

Conexión polígono industrial de Bértoa – Estrada Carballo – Razo (DP – 1902). Esta atópase nun 95% de execución e foi adxudicada á Construcciones Cernadas por 91,270,76 euros.

Conexión carril bici existente en Avda. Razo (DP-1902) co carril bici existente entre rúa Poniente e rúa Fábrica e Avenida de Malpica (AC-414). O obxectivo deste tramo é conectar os dous carrís bici existentes na actualidade nas avenidas de Razo e de Malpica. Construccións López Cao é a encargada de realizar este proxecto, que se atopa na recta final, cun orzamento 96.799,38 euros.

Carril bici entre as rúas Poniente – rúa Fábrica e Avenida de Malpica (AC-414). O obxecto do proxecto é a mellora do itinerario ciclista que ocupa actualmente a Avda. de Malpica e a creación dun novo itinerario na rúa Fábrica. Esta senda atópase nun 85% da fase da súa execución por Excavacións e Obras Candal. O orzamento fixouse en 178.425,14 euros.

Conexión casco urbano – colexio Artai. Adxudicada a Desarrolla por 178.444,60 euros, xa leva un 80% construído.

Senda ciclo peonil de regreso complementaria ao carril bici Avda. Razo (DP-1902). Esta discorre dirección saída do núcleo urbano pola súa marxe dereita. É unha das sendas que está a piques de completarse por parte de Vázquez y Reino. O orzamento ascendeu a 460.563,45 euros.

Senda ciclo turística Carballo – Razo. Adxudicada a Vázquez y Reino por 344.111,44 euros, atópase nun 85% da fase de execución.

Conexión casco urbano – senda ciclo-peonil Avda. Bértoa. Este proxecto é no que menos se avanzou, apenas leva executado un 20%. O obxecto da actuación é a definición dunha senda ciclo peonil na marxe dereita da Avenida Vázquez de Parga de cara a conectar a senda existente na Avenida de Bértoa co centro urbano e administrativo de Carballo. Foi adxudicada a López Cao por 256.960,34 euros.

Senda perimetral polígono de Bértoa. O obxecto desta actuación é dotar dun itinerario lúdico-deportivo que enlaza co centro urbano e co resto da rede ciclista. Cun orzamento de 110.894,35 € foi adxudicada a Excavaciones y Obras Candal. Na actualidade está executado un 75% do proxecto.