O proxecto “Corme Pinta” enche as rúas de arte

1 minutes read

Esta iniciativa ten como obxectivo fundamental unir arte e cultura, contribuíndo humildemente a dinamizar a vida sociocultural na vila. Este proxecto artístico e cultural tivo como punto de partida a creación de cinco murais no Xardín, no muro do edificio da antiga salazón, onde residían murais pintados máis de vinte anos atrás. Os motivos das novas pintadas pretenden plasmar a beleza da vila de Corme, con elementos que a caracterizan de forma indiscutible: o petróglifo da Pedra da Serpe, a praia da Hermida coa Illa da Estrela, a vista de Corme desde a furna do Osmo, o porto e o Cabo Roncudo.
A idea de partida do proxecto era contar con artistas nacidos ou residentes en Corme, tales como o artista plástico Borja Puñal Castro, a fotógrafa e debuxante Sol Mariño, “Chucho”, acuarelista e debuxante que participou na pintada dos murais fai 20 anos, ou o xoven Aaron, de doce anos, presente e futuro do mundo artístico na vila .
A creación deste novo mural constitúe só o comezo dunha serie de intervencións para a revalorización de Corme. De cara a futuros proxectos, os impulsores decláranse “abertos a novos muralistas que queiran participar”. Pódese seguir o avance da iniciativa a través da páxina de Facebook “Corme pinta”.