O proxecto ‘Endaterra’, levará a música de Xacarandaina ao Camiño Fisterra-Muxía


A Deputación da Coruña impulsa o proxecto ‘Endaterra’, un espectáculo de música e baile tradicional creado por Xacarandaina que percorrerá diferentes Concellos do Camiño Inglés e Fisterra-Muxía.

Endaterra é un compendio de distinitas artes escénicas onde se mistura baile, danza, música, teatro, imaxes ilustradas, paisaxe sonora, diseño de luz, e unha banda sonora creada en exclusividade para o espectáculo. É un espectáculo de gran formato, onde se poderán escoitar trinta pezas musicais novidosas recuperadas, ver dez bailes antigos reconstruídos e apreciar máis de 15 vestiarios de roupa diferentes. Todo enfiado nunha historia netamente galega que fala da amizade e do compromiso entre as persoas, e da maxia que ten o noso país.

O proxecto está financiado conxuntamente coa Consellería de Cultura, Eduación e Ordenación Universitaria e levará a música de Xacarandaina ao longo dos dous Camiños nas seguintes datas: 25 de xullo en Santa Comba, 27 de agosto en Negreira, 15 de outubro en Dumbría, 22 de outubro en Oroso, 5 de novembro en Abegondo e 19 de novembro en Culleredo.

Na presentación deste espectáculo, que se levou a cabo na sala Juanjo Gallo do pazo provincial, participou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o deputado de Economía, Antonio Leira; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; os alcaldes dos concellos de Culleredo, Abegondo, Oroso, Negreira, Santa Comba e Dumbría, nos que se desenvolerá o espectáculo; o director de Xacarandaina, Quique Peón; e representantes da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía.