O proxecto “Nós” tentará ser o paso para situar o galego no mundo dixital


A Xunta traballa no reto de incorporar o galego ao eido dixital en pé de igualdade con outras linguas, unha acción que se vai a intentar facer realidade a través do Proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que foi presentado coincidindo coa semana das Letras. Estanse dando pasos decisivos de adaptación aos novos tempos, fomentando actitudes positivas cara o galego; coa aspiración de lograr ampliar os usos da lingua no conxunto da sociedade e, sobre todo, entre as xeracións máis novas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, expuxo ante o pleno do Parlamento que o Proxecto Nós “suporá o salto decidido do noso idioma ao mundo dixital e, deste mesmo xeito, potenciar o seu uso entre a mocidade, xa que −engadiu− unha lingua viva dixitalmente terá máis garantías de futuro”. O obxectivo é que o idioma galego se incorpore e participe dos novos desenvolvementos tecnolóxicos, de forma que se poida interactuar na lingua de Rosalía no mundo dixital ao mesmo nivel que linguas como o inglés ou o castelán.

Explicou que “garantirá que os cidadáns poidan participar do mundo dixital sen renunciar á súa lingua propia, situando á nosa Comunidade na vangarda do uso de Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe aplicadas a este fin”. Esta iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, gratuítos e en código aberto, para que poidan ser empregados por empresas e institucións.