O PSdeG abre unha liña de colaboración co PSC

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acordou co seu homólogo do PSC, Salvador Illa, abrir unha liña de colaboración entre as dúas formacións políticas para compartir o ideario e as liñas de acción política e social. Así o dixeron os dous dirixentes nun encontro de traballo en Santiago no que acordaron un documento conxunto “Por unha España plural”.

O líder dos socialistas galegos puxo en valor o ideario federal socialista “posto en entredito tanto polos secesionistas e rupturistas que prefiren as vías unilaterais como pola dereita e a estrema dereita que propoñen a desaparición dun sistema que permite conciliar a identidade territorial e os sistemas culturais cun encaixe nun Estado forte”.

O máximo responsable do PSC, Salvador Illa, salientou as coincidencias entre as dúas organizacións “sinaladamente no feito de que España atopa fortaleza no recoñecemento da diversidade e da pluralidade”. Tanto Galicia como Cataluña, engadiu, comparten o carácter territorial histórico, a lingua propia e características propias do eido periférico de España.