O PSdeG acusa á Xunta de incumprir o convenio da Sinfónica de Galicia

1 minutes read

O vicesecretario xeral socialista, Pablo Arangüena, tivo palabras duras para o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, do que dixo que «veu tomarlle o pelo á cidadanía», despois da firma esta semana de dous convenios co Concello da Coruña por valor de 3,5 millóns de euros para a Orquestra Sinfónica de Galicia. O socialista tachou este acordo como «falso», xa que segundo expresou a Xunta «segue incumprindo o convenio asinado en 2004 no que achegarían como mínimo 3 millóns de euros anuais».

Lembrou que a Xunta non achega 3,5 millóns, senón que é de 2,7 millóns a achega ordinaria que xa viña realizando e a iso súmaselle un convenio de 0,8 millóns polo Xacobeo, como tamén explicou o conselleiro de Cultura tras a firma. O vicesecretario do PSdeG lembrou que a Xunta «debe máis de 5 millóns de euros», polo que deixou de pagar cando Feijóo chegou á presidencia.

Para Arangüena, é «inaudito» que unha Administración pública «incumpra unilateralmente o que lle dá a gana», en referencia ao convenio asinado por Fraga no 2004.