Patricia Iglesias aféalles que rexeitaran no Parlamento unha proposta para frear o proxecto: “Non poden votar cos veciños no Concello e contra eles no Parlamento”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou este venres ao PP e ao goberno galego de “poñerlle alfombra vermella” á planta de biogás de Soandres -A Laracha-, en contra da opinión dos veciños e veciñas, que “están defendendo o seu territorio e o seu modo de vida” para parar o proxecto. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para pedir a paralización do proxecto que foi rexeitada polo PP.
Iglesias acusou ao goberno galego de modificar a normativa a través da lei de Acompañamento aos Orzamentos para “anular a autonomía local e a posibilidade de frear o proxecto” ao obviar as licencias e os límites ao planeamento urbanístico. Iglesias levou á Comisión de Obras Públicas unha proposta para levar “a voz do veciños” organizados en torno á Plataforma Stop Biogás A Laracha, que hoxe asistiron ao debate dende o Grupo Socialista xunto coa portavoz socialista Inés Ramos.
Salientou que os socialista galegos “dicimos non á planta de biogás”, mentres o PP asume o “papelón” de votar “cos veciños no Concello” para apoiar a proposta presentada pola socialista Ramos que hoxe rexeitan no Parlamento. “Non poden votar cos veciños no Concello e contra eles no Parlamento”, remachou a parlamentaria socialista logo de advertir que o alcalde da localidade, o “popular” José Manuel López, “manipulou” aos veciños porque coñecía do proxecto dende 2022.
A parlamentaria socialista esixiu “rigorosidade e transparencia” ao PP e ao goberno galego, que vai “impoñer” este proxecto ao declaralo prioritario e de interese autonómico utilizando a “barra libre para proxectos industriais con grande impacto no territorio” que teñen preparado ao reformar a normativa a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Acusounos de “lavar as mans” logo de preparar a normativa e impulsar o proxecto “sen contar coa xente”.
Explicou que este proxecto suporá a ocupación de 16.000 quilómetros cadrados, xerará 73.000 toneladas de residuos ao ano, provocará un tráfico constante, olores intensos e persistentes, un impacto directo na calidade de vida e afectación do río Anllóns e do patrimonio natural. Criticou que teñan decidido instalar a macroplanta “no medio dun territorio onde hai casas, familias e vida”, que vai ver devaliadas as propiedades e o territorio e o seu modo de vida “destruído”.