O PSdeG afirma que a área de deportes da TVG traballa en situación de ‘precariedade’

1 minutes read
  • Critica o uso de mochilas para realizar retransmisións, xa que “non son a tecnoloxía máis axeitada” para este fin, o que repercute directamente na calidade da programación.

A deputada socialista Noelia Otero criticou o que calificou de situación de “precariedade” na que traballa a área de Deportes da Televisión de Galicia despois de que saísen á luz diversas demandas colectivas e individuais por parte dos operadores de cámara nos xulgados.

No marco da comisión da CRTVG celebrada no Parlamento, a socialista denunciou, ante o director da corporación, as condicións laborais nas que traballan cámaras, realizadores e xornalistas que realizan as retransmisións deportivas “en condicións precarias”, o que repercute directamente na calidade dos programas.

A socialista sacou a colación os problemas técnicos protagonizados no partido de balonmán entre o Frigoríficos do Morrazo e o FC Barcelona celebrado no pavillón do Gatañal o 28 de decembro ou a que calificou de “pésima” retransmisión do derbi xuvenil entre o RC Celta e o Deportivo do 16 de xaneiro. Esta última, destacou, mesmo se fixo viral en redes sociais cunha cadea de chíos na que a audiencia denunciaba as deficiencias da emisión.