A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de rexistrar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta axudas directas á hostalería a curto e longo prazo. Tras manter un encontro con representantes da Asociación Hostelería Compostela -no que tamén participou a deputada Noa Díaz- Gallego lembrou que o sector se atopa “nunha situación límite” debido aos “evidentes efectos da redución de aforos e horarios, a contención dos gastos por parte das familias e o medo ao contacto social”.
Leticia Gallego sinala que coincidindo cos diferentes gromos da Covid-19, a facturación de bares, restaurantes e hoteis caeu o ano pasado un 42 %, o que provocou que sete de cada dez empregos perdidos en Galicia durante o 2020 estivesen nese sector.
Neste escenario, Leticia Gallego denuncia a improvisación nas medidas para os locais de hostalería por parte da Xunta e as escasas axudas postas en marcha pola administración autonómica para un sector tan golpeado por esta crise. Como máximo exemplo da “mala xestión” e da “imporvisación constante” do goberno galego, recorda o rexeitamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao pasaporte covid.
