O PSdeG afirma que a Xunta vai “en sentido contrario ao que precisa a sociedade”


O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, anunciou que o PSdeG levará ao vindeiro pleno do Parlamento iniciativas para a protección das persoas máis necesitadas e, en consecuencia, para que a Xunta recupere de maneira inmediata a Tarxeta Básica. “Non vale con dicir que non hai alternativas”, afirmou Álvarez, “xa que estamos ante unha cuestión de mera vontade política”.

O voceiro socialista explicou que a última liquidación trimestral dos orzamentos do goberno galego, coñecida a semana pasada, evidencia un incremento de 87 millóns de euros adicionais sobre as previsións iniciais. Paralelamente, “a Xunta, sen ningún tipo de solución de continuidade, elimina Tarxeta Básica, co cal deixa a máis de 75.000 familias galegas sen unha axuda crucial neste momento e que tivo un custo de 31 millóns de euros no ano 2021”. Polo tanto, o goberno galego “dispón de recursos e agora ten que ter vontade política para continuar coa protección das persoas máis desfavorecidas”.

Porén, o portavoz do Grupo Socialista lamentou que as medidas que está a adoptar o goberno galego vaian xusto “en sentido contrario do que precisa a sociedade” e nunha situación “moi complexa derivada, en primeiro lugar, da pandemia e, en segundo lugar, da invasión de Rusia a Ucraína. Xa con carácter previo a esta situación, Luís Álvarez lembrou que Galicia tiña, segundo os datos do ano 2020, un escenario “extraordinariamente preocupante”, cun incremento de case 40.000 persoas en risco de pobreza severa e exclusión social con respecto ao ano anterior.