O PSdeG afirma que o PP «xa era destrutivo» e agora ademais é «autodestrutivo»

1 minutes read

O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, afirmou este luns que o PP “É un Partido destrutivo e, polo que se ve, autodestrutivo”, tras lembrar que o PP “sementa dúbidas sobre España no seo da Unión Europea, sen ningún tipo de rédito”. Así, fixo fincapé na “fracasada visita” que fixeron algúns alcaldes do PP á Unión Europea para criticar o reparto de fondos europeos do Executivo central na que “non foron recibidos por ninguén relevante”.

Luis Álvarez, pediu ao presidente da Xunta que explique con “claridade” que vai facer para “reparar” o “inmenso dano” que ten causado o PP á democracia despois de que, dende o xoves, estean ofrecendo “un espectáculo difícil de cualificar”. Esta situación, incidiu, “representa que o PP, no que se integra o PP de Galicia, aínda que pretendan ocultalo, concibe a política como un reparto de poder, e non como un servizo á cidadanía”, polo que “é a antipolítica”.

Esta crise do PP, sinalou, “evidencia que é un partido que non está na mesma liña que os seus homólogos europeos”, xa que estes “non só non cuestionan, senón que recoñecen o traballo serio e rigoroso do goberno de España na xestión dos fondos europeos”. Pola contra, subliñou, o PP “radicaliza a linguaxe sen importar o dano que causan na credibilidade e o respecto ás institucións, algo que dana fondamente o noso sistema democrático”.