O PSdeG afirma que os orzamentos da Xunta ‘inclúen os compromisos de sempre coa Costa da Morte que logo non se executan’

  • O PP cualifícaos de “moi positivos” os orzamentos da Xunta e asegura que as contas autonómicas responden ás necesidades da Costa da Morte.
  • En clave galega, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu que os Orzamentos para 2026 presentados pola Xunta non soluciona os problemas reais dos galegos e das galegas.

A deputada socialista no Parlamento galego Patricia Iglesias Rey lamentou que os orzamentos da Xunta para 2026 «inclúen os compromisos de sempre coa Costa da Morte e Bergantiños que logo non se executan», e calificounos de «raquíticos e deceptionantes» para estas comarcas. 

A parlamentaria sinala que estas promesas «son incumpridas ano tras ano desde que o PP chegou ao goberno», a pesar de que inclúen «partidas tan relevantes» como a variante de Carballo ao polígono industrial de Bértoa. Esta é «unha reivindicación que teñen que saber os galegos e galegas que se fixo co goberno de Touriño», lembra. 

Iglesias destaca tamén «o tramo de 5,5 quilómetros de autovía da Costa da Morte, que tamén anunciou que o señor Feijóo no 2014» e que «ao final vai ser unha ampliación de autovía da Costa da Morte que non vai a ser autovía porque non vai haber nin sequera dobre vía». 

«Amósase así unha incoherencia e unha hipocresía do goberno galego, que debuxa no papel infraestruturas básicas tanto na Costa da Morte como na comarca de Bergantiños que se reiteran ano tras ano, pero logo non se executan», critica a deputada. 

En termos xerais, Iglesias advertiu de que os novos orzamentos «confirman que o Goberno da Xunta non dá resposta ás necesidades reais das galegas e galegos». 

«O único que medra en Galicia son demandantes de vivenda, demandantes de axuda á dependencia, demandantes de atención sanitaria», indicou, «mentres presumen de cifras e anuncios». 

A socialista advertiu tamén de que a Xunta vai pagar 1.858 millóns de euros pola súa débeda, o seu máximo histórico, cando «podería aforrar un terzo dese importe, 620 millóns, se Rueda aceptase a condonación proposta polo Goberno de España, pero négase por motivos electoralistas», lamentou. 

Puxo o foco en que os Orzamentos se incrementan só un 2,1 %, mentres o IPC vai pechar nun 2,8 ou 2,9 %: «os orzamentos non medran, decrecen». 

Pola contra o PP cualifícaos de «moi positivos»

Os deputados, Paula Mouzo e Rubén Lorenzo, salientaron a importancia de que o Goberno galego aprobe en “tempo e forma” unhas contas que xeran certeza e seguridade a todos os cidadáns.

Os deputados autonómicos do Partido Popular, Paula Mouzo e Rubén Lorenzo, cualificaron hoxe de “moi positivos” os orzamentos presentados o Goberno Autonómico e aseguran que as contas galegas responden ás necesidades e demandas dos concellos que conforman a comarca da Costa da Morte.

Analizado o documento, os populares subliñaron o “gran protagonismo” que teñen os investimentos da zona, destacando, en primeiro lugar, os 8 millóns de euros que se recollen nas contas para impulsar a VAC Baio-Berdoias neste 2026, os 10 millóns comprometidos para o 2027 e os 12 para o 2028. “Falamos dunha infraestrutura fundamental para vertebrar a nosa comarca e para mellorar a mobilidade de toda a nosa xente”, apuntaron.

Neste eido, os deputados puxeron sobre a mesa tamén o medio millón de euros que se leva a variante de Carballo que, tal e como explicaron, suporá, tendo en conta a situación dos trámites administrativos previos aos comezos das expropiacións e posterior licitación, un investimento total de máis de 22 millóns de euros.

No capítulo de industria, Mouzo e Lorenzo defenderon “a clara aposta” polo solo industrial que se fai dende  Xunta de Galicia. “Bergantiños e Costa da Morte non quedarán atrás no que respecta a avanzar en máis solo industrial”, dixeron os populares, que destacaron a ampliación do polígono Industrial de Bértoa, en Carballo,  cunha partida de 4,8  millóns de euros (coa previsión de inicio de obras no ano 2027), os 626.000 euros que  se destinarán ao proxecto para a creación do polígono industrial de Coristanco, cun importe total de case 11 millóns, e os 64.497€ para o futuro polígono de Cabana, no que se investirán ata o 2032 máis de 20 millóns.

En canto ós polos de emprendemento, dende o PP apuntaron que recibirán 380.000 euros en toda a provincia, entre os que se atopa o do Concello de Coristanco, así como o apoio aos colivings, como o de Laxe. 

Actuacións en saneamento

En materia de saneamento, os populares explicaron que os orzamentos galegos contemplan máis de 16 millóns para axudar aos concellos a implantar e mellorar os servizos de  saneamento e abastecemento.

“Seguirase avanzando nas obras para evitar o risco de inundacións  do río Anllóns, unha obra máis que necesaria e que suporán unha inversión total de 6,4 millóns de euros para os Concellos de Carballo e Ponteceso (306.000 nesta anualidade)”, explicaron os populares.

Ademais, as contas recollen diversas actuacións en saneamento e depuración, destacando os 13,9 millóns de euros para a depuradora de Cee-Corcubión (1 M€ para o 2026); 1,2 millóns para os colectores e depuradora de Beo en Malpica de Bergantiños, así como a nova depuradora de Traba no Concello de Laxe á que se destinará 1 millón de euros.

En canto a Portos de Galicia, o ente autonómico ten previsto acometer melloras nos portos da Comarca; case 300mil€ para a reposición de cuberta e acondicionamento de edificacións en Fisterra, e a dotación de departamentos para usuarios en Camariñas.

En materia de infraestruturas educativas, Mouzo e Lorenzo destacaron a rehabilitación integral do IES Alfredo Brañas, xa en obras, cunha inversión total de 1,7 millóns de euros, 1,3 millóns para o exercicio 2026. Tamén se acometerá na comarca unha reforma integral do CEIP O Areal de Camariñas, cun investimento previsto de 965.112 euros. “Ademais das obras, as familias da nosa comarca veranse beneficiadas co novo bono de comedores escolares cunha partida total nestes orzamentos de 3 millóns de euros”, explicaron.

Neste capítulo, as contas galegas recollen para este ano unha dotación específica de 600.000 euros para a redacción do proxecto do  CIS de Carballo, infraestrutura que, segundo os populares, suporá un antes e un despois na atención sanitaria na Comarca de Bergantiños. Ademais, indicaron destinaranse 326.000 euros para un novo mamógrafo do Hospital de Cee.

Inversión en patrimonio

Por outra bando, os populares avanzaron que a Xunta de Galicia tamén afrontará neste 2026 a protección do patrimonio cultural da comarca levando a cabo a restauración do Santuario da Virxe da Barca -370.000 euros- e unha curiosa actuación arqueolóxica sub-acuática en Punta Restelos Cee e Corcubión (40.000 euros).

En canto ás políticas que favorecen directamente ás persoas, ademais do investimento en educación e sanidade, a inversión en política social céntrase,. Segundo Mouzo e Lorenzo, na atención á dependencia, así como o fomento de emprego e as rebaixas fiscais para impulsar a emancipación e o acceso á vivenda dos mozos. “Xa temos proxectos xa en marcha para construción de vivenda pública no Concello de Carballo”, apuntaron os populares, que destacaron a “importancia” de que os galegos teñan unhas contas aprobadas en “tempo e forma” que xeran certezas e seguridades. “Galicia cumpre un ano máis coa súa responsabilidade, algo que non poden dicir outros gobernos”, concluíron Mouzo e Lorenzo.

Ana Pontón: “Os orzamentos non arranxan problemas, son o retrato dun goberno estancado que mantén Galiza en punto morto”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu que os Orzamentos para 2026 presentados pola Xunta non soluciona os problemas reais dos galegos e das galegas, senón que constitúen o “retrato perfecto” dun Goberno de Rueda “estancando, sen ideas e conformista” que “mantén Galiza en punto morto”. 

“Hai máis ambición nos orzamentos de calquera comunidade de veciños que nestas contas rutineiras do Goberno do Partido Popular, que son pura burocracia contable e que nos repite ano tras ano como se estivéramos no día da mamorta”, denunciou.

Pontón preguntoulle a Rueda onde están os grandes proxectos de futuro nos orzamentos que vén de presentar, logo de ocultarllos até esta mesma mañá aos grupos da oposición para poder seguir cos seus anuncios propagandísticos, incidiu.

“Van mellorar estes orzamentos a vida dos galegos e das galegas? Van mellorar a sanidade, a dependencia, a educación ou o acceso á vivenda? Van servir para loitar contra o cambio climático, xerar emprego de calidade ou para dinamizar o noso medio rural?”, cuestionou, para concluír a continuación que “a resposta é un rotundo e sonoro non”.

A líder nacionalista criticou que o Goberno do PP repita ano tras ano os mesmos cualificativos falando duns orzamentos “históricos” e “os máis sociais”, cando na realidade é que, no seu “delirio propagandístico”, presenta unhas contas que baixan os recursos destinados, por exemplo, ao SAF, anunciando para esta partida oito millóns de euros máis.

Neste sentido, recordou que o Executivo anunciou en 2024 129 millóns de euros para o SAF, pero logo recortou nesta a partida en 18,5 millóns; o mesmo, que en 2025, onde anunciou 140 millóns para o servizo de axuda no fogar, ao que recordou ese mesmo ano 17 millóns.

É dicir, entre 2024 e 2025, Rueda recortou ao SAF 35,5 millóns, pese a estar colapsado e pese a ser un servizo básico para o coidado das persoas maiores. “O que nos preguntamos é en canto vai recortar esta partida unha vez que consiga o seu titular propagandístico”, cuestionou.

A portavoz do BNG subliñou que a propaganda do titular da Xunta tamén choca coa realidade cando “mantén agasallos fiscais ás persoas máis ricas” e reprobou que, mentres en Galiza hai miles de persoas que non poden pagar un alugueiro, o Goberno do PP manteña a baixada de impostos para os que teñen grandes patrimonios, incluídos aqueles aos que, por exemplo, lles sobran casas nas que vivir.

“Unha tomadura de pelo”, remarcou, para os miles de galegos e galegas que non só non poden mercar unha vivenda, senón que “nin tan sequera se poden permitir o luxo de pagar un aluguer”.

Nesta liña, recordou que este Executivo leva anos baixando impostos aos que máis teñen, pero mantivo conxelado o complemento autonómico das pensións non contributivas, as máis baixas, unha conxelación que se manterá tamén o ano que vén porque o incremento previsto na parte que lle toca á Xunta vai ser “exactamente cero”.

“Esta política do Partido Popular de baixar os impostos a quen máis ten fai que perdamos 793 millóns de euros que poderiamos destinar a sanidade, a educación, a dependencia ou a políticas de vivenda”, alegou, logo de recordar que os impostos serven “para manter servizos públicos de calidade e para poder mellorar a vida da xente”.

Por iso, reprochou ao PP que o seu obxectivo sexa recortar e deteriorar os servizos públicos para poder dicir que non funcionan e logo “xustificar as privatizacións que se producen en moitos deles” única e exclusivamente para beneficiar “aos que quen facer negocio coa vellez, coa saúde ou coa educación”.

“O PP fala de que prefire que os cartos estean nos petos das familias, pero esconde que os que cobran máis de 60.000 euros van a aforrar en torno a 500 euros nas súas declaracións, pero os que cobran 20.000, aforrarán 20 euros”, advertiu, para cuestionar a continuación que é o que se pode facer exactamente con só 20 euros cando se necesita un servizo tan básico como, por exemplo, a sanidade. “Pode unha nai ou un pai cuxo fillo ou filla non ten pediatra pagar un pediatra con eses 20 euros? Serven para facer unha radiografía?”, reflexionou.

Pontón tamén apuntou a outras partidas orzamentarias que reflicten cales son as verdadeiras prioridades do Goberno de Rueda, e entre as que sinalou a débeda pública, que o PP triplicou para logo recortar en servizos públicos, e que xa é a terceira partida de gasto máis importante, con 1.859 millóns de euros, 685 euros por cada galego ou galega.

“Rueda destina a pagar a débeda pública 3,4 veces máis que a vivenda, oito veces máis do que se destina á Consellería do Mar, máis do dobre do destinado a Medio Rural e 11 veces máis do que destinado a loitar contra o cambio climático”, criticou, logo de denunciar que, despois da maior vaga de lumes sufrida en Galiza, a Consellería de Medio Ambiente reduce 19 millóns de euros.

E con estas cifras, afondou, o presidente do Executivo “permítese o luxo de rexeitar unha quita de 4.000 millóns de euros que negociou o BNG no acordo de investidura co Partido Socialista, como se nos sobrasen os cartos”. “Todo isto porque o Partido Popular de Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde, esta é a triste realidade”, sintetizou.

Por último, a portavoz nacional denunciou como os orzamentos “se están convertendo nunha auténtica coadeira” para modificar leis pola porta de atrás sen o debate parlamentario que ten calquera proxecto de lei. En concreto, recalcou, serán 69 leis e 16 regulamentos os modificados por esa porta de atrás que o PP utiliza ano tras ano.

A maior parte destas modificacións oscurantistas, advertiu, van destinadas a favorecer o espolio dos recursos naturais galegos e favorecen ás eléctricas, á megaminería contaminante e ás macrocelulosas como Altri.

“Repiten o de sempre, man dura para reducir a capacidade da cidadanía, por exemplo á hora de poder alegar en contra destes proxectos”, engadiu, logo de intuír que que o que pretende o PP é limitar esa capacidade da cidadanía logo da enorme cantidade de alegacións presentadas contra Altri ou contra o espolio eólico.

Por iso, considerou que o que está a facer o Goberno de Rueda é “poñerlle un escudo protector” ás eléctricas, para que enchan Galiza de muíños, “gañando millonadas a costa do patrimonio natural de todos os galegos e galegas”.

En definitiva, uns orzamentos “rutineiros e sen ambición”, recapitulou Pontón, quen reafirmou que estas son as contas públicas dun “goberno estancado” que “non ten un proxecto de país de futuro” e que usa os orzamentos non para servizo a Galiza, senón para “servir intereses particulares”, os “das eléctricas e das empresas amigas dun Partido Popular que usa os orzamentos para ir en contra da maioría social”, concluíu.

Related posts

Este domingo terá lugar en Cee o acto de clausura da XII Edición do programa O Mes da Fundación

O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión

O pavillón de Baio e as súas instalacións, pechan por obras na cuberta do 27 de outubro ao 5 de novembro