O PSdeG afirma que os orzamentos da Xunta son ‘unha nova puñalada’ para a Costa da Morte

Martín Seca_PSdeG.

O parlamentario socialista Martín Seco lamentou que os orzamentos da Xunta de Galicia do 2022 para as comarcas da Costa da Morte e Bergantiños sexan “unha nova puñalada do  goberno de Feijóo a un territorio que necesita impulsar as súas potencialidades e pasan ano tras ano inadvertidas polo PP”.

O responsable socialista sinalou que “a Xunta obriga aos concellos a asumir cada ano máis competencias que deberan de ser propias da administración autonómica, en servizos sociais, educación e sanidade, unhas competencias que minoran a capacidade dos concellos para poder axudar a veciñanza, e vense multiplicadas pola falla de inversión dos orzamentos”.

Estas contas, engadiu, “non actúan nas necesidades dos concellos do noso rural, non avanzan nas infraestruturas necesarias para darlle competitividade ás nosas empresas e portos, non actúan no desenrolo turístico e nin tan sequera dan solución os múltiples problemas coa xestión do saneamento das augas que verten os nosos concellos”.

Martín Seco sinalou que “a baixa capacidade inversora en actuacións na rede de infraestruturas viarias lastra o futuro económico da comarca e a fixación de poboación no territorio”. Denunciou “a demora constante dun forte investimento na Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte coas dúas variantes, que a este ritmo será unha realidade o século que vén. Tamén lamentou “a falla de actuación contra a inxusta peaxe da AG-55, que lastra as posibilidades dunha comarca que debera de poder exercer as súas potencialidades”.

Dixo que, ademais, “a Xunta de Galicia esquece as melloras nas infraestruturas por estrada e a seguridade viaria, así como actuar nos servizos sociais, no desenvolvemento da axuda ao fogar, na implantación da dependencia, na RISGA ou na implantación de centros de día, como a existente infraestrutura municipal de Corcubión e nos centros educativos abandonados dende Laracha ata Carnota”.

Seco subliñou que “necesitabamos que a Xunta se implicase no desenvolvemento dos portos e parques empresariais e a súa actividade económica, na comunicación dos seus polígonos industriais e na súa conectividade á banda ancha, pero vemos como a Xunta introduce pequenas partidas que non corrixen os déficits dun territorio esquecido nestes 12 anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo”.